Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.
Buscar
Cerrar este cuadro de búsqueda.

8 de decembro: Arzúa celebra o ‘Día do Comercio Local’

diadocomercio2

O Concello de Arzúa promove o Día do Comercio Local cunha xornada repleta de actividades dinamizadoras en apoio ao sector

Apoiado no proxecto Arzúa Comercial, o Concello de Arzúa promoverá o vindeiro 8 de decembro como o Día do Comercio Local.

Con esta inicitiva o goberno municipal pon en marcha un novo proxecto coa finalidade de promocionar o comercio, a hostalaría e os servizos do municipio nun momento no que o sector atravesa por dificultades económicas e no que calquera axuda sempre resulta benvida.

Aproveitando a proximidade da campaña de Nadal e a feira quincenal, o concello organiza unha xornada con actividades, promocións e animación de rúa.

Para garantir o éxito da iniciativa e deseñar unha proposta atractiva para o público en xeral, o Concello solicita e agradece a participación e colaboración de todos. Así, os propietarios de tendas e comercios poden ofrecer nesta xornada descontos, vales de merca, agasallos ou outras promocións; tamén poden aproveitar a ocasión para facer demostracións ou pequenos coloquios sobre os seus productos.

E, por outro lado, dende o goberno local animan aos locais hostaleiros a que se involucren nunha Ruta de Tapas para promocionar a gastronomía e os produtos de calidade da zona, así como, ao mesmo tempo, os nosos restaurantes, bares e cafeterías.

O Concello de Arzúa encargarase de darlle difusión ao evento, programaranse actividades complementarias e elaboraranse programas de man con toda a información das actividadades e das propostas que os locais comerciais e hostaleiros vaian definindo.

Os empresarios e empresarias interesados en participar deberanse anotar no Departamento de Cultura do Concello de Arzúa ou chamando ao teléfono 981 500 222 antes do 26 de novembro. A inscrición é gratuíta.

O Alcalde do Concello de Arzúa, José Luís García, salientaba esta mañá a importancia desta iniciativa que “supón un importante esforzo para o concello pero que afrontamos co mellor dos ánimos coa finalidade de darlle un pulo ao noso comercio e co propósito de animar aos nosos veciños e veciñas a que fagan as súas compras no municipio”, explicaba ademais que este proxeto común en apoio ao comercio local “é unha iniciativa máis que se suma a outras impulsadas polo actual goberno como é  o caso do portal web arzuacomercial.com, un gran escaparate de Arzúa a través da internet”.

Máis información: Descargar Carta Informativa DÍA DO COMERCIO LOCAL

Descargar ‘Ficha de inscrición DÍA DO COMERCIO LOCAL’

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp
Email