Arzúa o destino verde de Galicia

40 nenos de Arzúa regresan ás aulas da Escola Infantil

10 septiembre, 2012

A Escola Infantil de Arzúa abriu  as súas portas aos  case 40 nenos e nenas que este ano están matriculados no centro. Os primeiros en voltar ás aulas son os cativos con idades entre os 0 e os 3 anos que dende o día 5 de setembro comezaron o novo curso escolar despois de que no primeiro día tivera lugar unha xornada de portas abertas para que os familiares dos nenos e nenas inscritas na escola poideran coñecer as instalacións e o persoal docente.

A escola infantil de Arzúa, xestionada polo Consorcio Galego de Servizos Sociais da Xunta de Galicia en colaboración co Concello de Arzúa, conta na actualidade cun total de 41 prazas. Destas, 8 corresponden  a idades de 0 a 1 anos, 13 de un a dous e 20 de dous a tres. Nos bebés a día de hoxe están ocupadas 4 prazas, se ben, na baremación que terá lugar na vindeira semana, quedarán ocupadas todas as vacantes e incluso haberá lista de agarda. Na idade de 1 a 2 anos está ocupadas todas as prazas xa dende a baremación do mes de marzo e a día de hoxe  hai lista de agarda. O mesmo sucede no tramo de 2 a 3 anos onde a semana que vén quedarán cubertas as 19 prazas ofertadas. En todas as idades resérvase unha praza para os casos de emerxencia social que se poidan producir.

O centro conta na actualidade con oito traballadoras, sete delas adicadas a atención educativa dos nenos e unha ao mantemento dos servizos xerais. O horario de apertura da Escola Infantil vai dende as oito da mañá ata as oito da tarde e os nenos matriculados no centro teñen a posibilidade de dispor do servizo de comedor.

Despois da presentación  efectuada no día de onte coa xornada de portas abertas, a escola comezou hoxe mesmo co seu funcionamento habitual e xa co Consello Escolar constituído.

A Escola Infantil de Arzúa continuará así sendo  un centro educativo de referencia, non só pola gran profesionalidade do persoal docente senón tamén polo interese posto dende o propio concello para o bo  funcionamento do centro. De feito, tal e como explica a Concelleira de Servizos Sociais, Aurora Varela, “no pasado mes de agosto contratamos unha empresa para pintar a escola e investimos na súa mellora máis de 3.000 euros”. Aurora Varela salienta que o importante “é a comodidade e seguridade dos nenos e nenas e polo tanto a tranquilidade dos seus pais” polo que “dende o concello apostaremos sempre por servizos básicos de calidade que lle permitan aos nosos veciños e veciñas mellorar a súa calidade de vida”.

Last modified: 22 diciembre, 2018

Comments are closed.